Rosalía pequeniña (ilustracións de Marina Seoane)

Galaxia, Vigo, 28 páxinas, 20 €

Nun ano como o presente, no que boa parte da
atención mediática está felizmente ocupada pola figura de Rosalía de Castro,
cumpría, entre outras achegas de extraordinario valor como o recente ensaio de
Pilar García Negro (Cantares
Gallegos hoxe
) ou a exemplar edición de Cantares
Gallegos
a cargo de Anxo Angueira, ambas as dúas lecturas que aínda
teño pendentes, outra como Rosalía pequeniña que reparase, por un lado,
nesa música que paira de seu  nas propias composicións de Rosalía e que
agora nos lembra e interpreta con talento e luminosidade Uxía Senlle nun cedé que se fai acompañar, en formato
álbum ilustrado, da reprodución dos textos rosalianos,  xunto
con fermosos  deseños a cargo  de Marina
Seoane
.  É esta, así pois, unha publicación dirixida  a un
lectorado novo, con irrefutable utilidade no ámbito do ensino, mais non unicamente,
pois pregúntome a quen non poden satisfacer as interpretacións musicais que
aquí se recollen. Ao meu ver construídas desde as instancias dunha
proposta alicerzada nunha rica pluralidade de ritmos e nun traballo
colectivo no que se contou cos arranxos de Sérgio Tannus, xunto coa
intervención de Magín Blanco, Sés, Guadi Gallego ou a Señora Carme por só
citar algunhas das persoas e voces que por este proxecto circulan.
         Sendo
un luxo esta Rosalía pequeniña goza aínda doutro que é de lectura obrigada,
refírome ao breve, pero gorentoso, limiar de Begoña Caamaño, no que entre
outros extremos sinala que  “Rosalía pequeniña sería hoxe, como daquela,
unha nena guerreira, gustaríalle o rock tocado con gaita e vestiría de punki”.
Rosalía sempre, sen dúbida. Parabéns polo proxecto, parabéns polo resultado
final.

 

Pin It on Pinterest